Itinerario de 2 días
Nestes dous días de percorrido polo Barbanza-Arousa coñecerás os catro municipios que forman a comarca, o seu variado e rico patrimonio, a súa salvaxe e exuberante natureza e as súas xentes.
Día 1: A Pobra do Caramiñal - Ribeira
O lugar elixido para empezar co percorrido é a vila da Pobra do Caramiñal que a pesar de ser o municipio máis pequeno dos catro sorprenderache con todo o que ten que ofrecer.
Na acolledora vila comezarás a túa visita no parque do Castelo, asentamento destruído durante as Revoltas Irmandiñas. Aquí te atoparás co cruceiro conmemorativo do roteiro xacobeo (Cruceiro da Virxe da Peregrina) e a Igrexa de Santiago do Deán. Esta comarca garda relación directa co Camiño, pois polas súas augas entrou no ano 44 d. C. a barca de pedra co corpo do Apóstolo.
No mesmo parque poderás ver a Casa Mariñeira e achegarte ao porto de descarga de túnidos e de bateeiros. Tamén destaca o "barrio dos cataláns" no Arenal e pazos como a Torre Bermúdez (século XVI), hoxe sede do Museo Valle-Inclán, en cuxa fachada ornamentada destacan as figuras dunha sirena e un tritón.

Marabillarasche coa seguinte proposta: o río Pedras e as súas piscinas naturais, rodeadas dunha frondosa vexetación e cantos rodados. A lenda conta que San Mauro remontou o río nunha barca de pedra perseguido polos mouros, mentres a providencia encheu o leito de rochas para dificultar o paso aos seus perseguidores.
Agora dirixiraste ao mirador de A Curota, a uns 500 metros de altura, dominado pola estatua de Valle-Inclán. Desde aquí contemplarás a Ría de Arousa e o seu gran parque de bateas.
As rías, segundo a tradición, formáronse cando Deus pousou as súas mans sobre Galicia tras crear o mundo. Polas súas augas realizouse a "Traslatio" do Apóstolo cara a Padrón, sendo escenario ao longo da historia de defensa contra ataques de viquingos, sarracenos e piratas.

Desde o alto divísase a Illa de Sálvora. Conta a lenda que o cabaleiro Roldán, fuxindo de Roncesvalles, coñeceu na illa á sirena Mariña, orixinando a nobre liñaxe dos Mariño.
En Ribeira, a visita comeza en Palmeira, pobo mariñeiro co seu miradoiro do Castelo, o monumento ao emigrante e un porto do século XVIII onde amarran as dornas tradicionais. Más adiante, no miradoiro da Pedra da Ra, contemplarás o conxunto do Parque Natural de Corrubedo, a praia do Vilar e a orixe das lendas do salto a cabalo do Apóstolo ou a mítica cidade mergullada de Valverde.
Antes do atardecer, visitarás o Dolmen de Axeitos ("A pedra do Mouro"), monumento megalítico con case 6.000 anos de historia.

Como colofón ao primeiro día, achegaraste ata o faro de Corrubedo para gozar duns atardeceres inesquecibles. Construído en 1853, é o noveno en iluminar as costas galegas.
O faro é coñecido como "o faro comunista" porque a súa luz orixinalmente branca cambiouse a vermella tras a confusión no naufraxio do vapor Santa Isabel en 1921 fronte a Sálvora (o "Titanic galego"), onde tres valentes mulleres da illa rescataron a máis de 50 sobreviventes noas súas dornas.
Para terminar, contemplarás a gran Duna de Corrubedo, con máis de 20 metros de altura e un quilómetro de lonxitude.

Día 2: Boiro - Rianxo
O segundo día transcorrerá polos municipios de Boiro e Rianxo. A xornada arrinca en Boiro, na vila mariñeira de Cabo de Cruz. Destaca pola súa colorida fachada marítima (pintada coa pintura sobrante das embarcacións), o seu peirao antigo e a proximidade ao Castro do Achadizo.
Seguirás cara aos Castros de Neixón (Castro Grande e Castro Pequeno), un dos conxuntos castrexos máis antigos de Galicia situado nunha contorna privilexiada e chea de lendas sobre mouros e tesouros ocultos.
Posteriormente, subirás ao Miradoiro da Muralla para gozar dunhas vistas panorámicas sobre a ría de Arousa, a ría de Muros e Noia e, en días despexados, as torres da Catedral de Santiago.

Na parroquia de Isorna visitarás A Aldea e a Punta do Cabo, enclave ligado ao río Ulla con vistas á marxe pontevedresa, o Monte Palleiro e o Monte das Cercas.
Nesta localización atoparás un cruceiro pertencente ao único Vía Crucis marítimo-fluvial do mundo (composto por 17 cruceiros entre a ría e o río) que conmemora o percorrido da "Traslatio".
Historicamente, Isorna foi un punto defensivo clave: desde o Monte Palleiro dábanse sinales con fachos de palla ante os ataques viquingos e río arriba alzábanse cadeas e fortalezas como as Torres de Oeste para protexer o paso cara a Santiago de Compostela.
A travesía continúa no centro da vila mariñeira de Rianxo. Percorrerás as rúas onde se sitúan as casas dos célebres escritores Manuel Antonio, Rafael Dieste e Castelao. Na Praciña descubrirás as tradicionais "casas do remo", construídas tomando a lonxitude dun remo como medida de reparto do terreo.
Para despedir a viaxe, darás un paseo ata a praia da Torre ao amencer ou ao crepúsculo. Alí atópanse as ruínas do Castelo da Lúa (século XIII), antigo feudo de Paio Gómez Chariño.
O castelo debe o seu nome á traxica lenda dos dous namorados que, ao tentar fuxir en barca, foron abatidos por frechas e apareroceron sepultados xuntos á beira do mar, poñendo un broche de lenda a este itinerario por Barbanza-Arousa.
